2012/01/26

A relatividade e outros contos

Vello artigo publicado en 'La Comarca del Eo' o 19960620

A relatividade e outros contos.

Fai tempo xa que Colón descubriu "As Indias" e que por eso se lles chama indios ós aboríxenes americanos. O nome calou e aínda agora, co apoio das películas do oeste, e a pesares de chamárselle América ás novas terras descubertas, seguimos a entender que eles son os indios, de tal xeito que moitas veces hai que especificar que a quen nos referimos é ós indios da India.

Dende aquela época sábese, "a ciencia certa" por segunda vez na historia da humanidade, que a terra é redonda. A primeira vez que se soubo, ate se tentou de medir o seu tamaño, fíxose, se ben con moito erro. Logo, avatares da historia, tívose que esperar á comprobación polos mariños para volver creer no tema, esta vez de xeito definitivo.

Cousas polo estilo pasan ás veces na ciencia, e amosan que o seu progreso ó longo da historia non é un camiño nada doado. Nada doado, pero con consecuencias de todo tipo para a nosa vida. ¿Quen se imaxina hoxe, no noso entorno, a vida sin que interveñan nela os diversos productos tecnolóxicos que nos rodean, aplicación de descubrimentos científicos, ou moitas das técnicas que empregamos nos traballo? Nembargantes, a ciencia é moitas veces non só incomprensible, senon tamén unha incomprendida. É dificil comprender moitos conceptos, principios, leis, que se manexan en ciencia. Pero tamén a ciencia non é comprendida, en conxunto e como actitude, cando moitas veces vívese de costas a ela, non só inorándoa, senon tamén afastándose dela por moito que se utilicen os aparellos ou as ideas derivados do seu progreso.

¿A relatividade? ¿Que pensar cando a un lle preguntan pola relatividade? O primeiro, probablemente, que a que ven a pregunta. Despois, posiblemente pasarán pola cabeza outras cousas, como auto-preguntarse que será eso da relatividade, ou, alternativamente, pódese pensar/dicir para si mesmo que todo é relativo. E logo calar, conservando, por si acaso houbera perigo dun contaxio indefinido, unha certa separación coa persona que nos preguntou, bastando para elo moitas veces so a mirada.

A vida moderna impúlsanos cara a especialización, e a ciencia, ca que, ó cabo, estamos convivindo/manexando de xeito mecánico tódolos días, déixase para "os científicos". Falábamos antes da redondez da terra. Calquera que mire ó mar dende unha montaña saínte na costa pode intuir que a terra é redonda. Nembargantes, tiveron que pasar séculos dende os antigos exipcios ate Colón para que se aceptara. Hoxe, no noso entorno, máis ou menos tense como unha cousa que non é necesario ensinar na escola, aínda que si se faga: A redondez da terra entrou xa como unha cousa máis, un coñecemento, patrimonio da humanidade.

Agora temos outras ideas, outro tipo de ciencia que é máis ou menos, novidade no século. E pregúntome cánto tempo tardaremos en que esas xa non tan novas ideas da mecánica relativista, ou cuántica, por poñer dous exemplos, farán parte do patrimonio da humanidade no seu conxunto. Porque dun xeito ou outro, pasarán a selo, estou seguro. Mentras tanto, sinxelamente sería cousa de cambiar de actitude fronte as novidades e entender que a ciencia está ahí, nas cousas que manexamos, e polo tanto, ten un gran interés saber o como e o por que funcionan. Din os entendedores que todo se fai funcionar mellor, con máis aproveitamento, máis rápido, con menos fallos, ... se se comprende. O interés pola investigación, ese buscarlle os catro pés ó gato, da xente moi nova é algo que pouco a pouco estase a convertir nunha conquista do mundo en que vivimos. Nembargantes, e polo momento, para a maioría de nós chega unha certa idade en que se vai perdendo. Pode que sexa a mala educación recibida, pero en particular, penso que non é máis que a inorancia fronte o descoñecido, o que non se anuncia na tele e ademais, require un esforzo para obter unha satisfación.

Postos a soñar, pode que cheguen os tempos nos que a ciencia nos veña dada como as novelas, e poderemos atoparnos con títulos como o deste escrito: A relatividade e outros contos.
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.