2013/01/28

A temperie ribadense no 2012 (III)

4.Tendencia
A máis da temperatura e choiva, poden recollerse moitos outros datos meteorolóxicos para dar unha idea máis completa do tempo que pode facer en Ribadeo, ou mesmo sinxelamente, para comparar con outros tempos e lugares.
Mais, coas medidas xa recollidas para as gráficas publicadas con anterioridade, cunha análise máis detallada, poden obterse datos interesantes, sen cansar demasiado. Así pasa por exemplo, cos 14 ºC de media que Ribadeo ten no ano (dato recollido na primeira parte desta serie de artigos) ou as temperaturas medias de meses que poden resultar máis interesantes de primeiras, como xullo (18,4 ºC) ou agosto (19,1 ºC), ou para promocionar, como setembro (17,5 ºC), datos que non é doado atopar nas guías turísticas de Ribadeo, e que pola súa bonanza, coido que deberan figurar.
Para rematar, deixo os últimos dous gráficos, realizados cos mesmos datos da primeira entrega, e que representan os días de cada ano que Ribadeo rexistrou nalgún momento temperaturas por riba de 25 ºC (o superior) e por baixo de 3 ºC. Ambos falan ás claras dunha tendencia que se nota no adianto da primavera ou na floración dalgunhas árbores dúas veces nun ano, co correspondente stress, cansanzo e debilidade do exemplar. Trátase do aumento das temperaturas observadas ano tras ano, que se revela nestes gráficos particulares de xeito máis claro, traducido en que por termo medio cada ano aumenta máis dun día o número de rexistros diarios con temperaturas de máis de 25 ºC, e tamén diminúe do mesmo xeito o número de rexistros diarios con temperaturas por baixo de 3 ºC.
Cos poucos datos tomados, non se pode falar máis que dunha tendencia, pero é unha tendencia que está en liña co tan discutido cambio climático a nivel mundial e á súa orixe nas actividades humanas.
Así, dentro do século, os tres anos con máis días con temperaturas superiores a 25 ºC están incluídos nos catro últimos, sendo os dous últimos os que acadan maior número de días con esa circunstancia. Asemade, os dous primeiros anos do século están entre os tres con menor número de días con algunha medida de temperatura superior a 25 ºC. E de xeito correspondente, tamén os dous últimos anos están entre os catro con menos días con medicións por baixo dos 3 ºC, mentras que os tres primeiros (de 2002 faltan datos do inverno para considerar o ano enteiro) están entre os cinco com maior número de días por baixo dos 3 ºC ....
 Partes anteriores: Segunda parte e Primeira parte

2013/01/24

Ribadeo e o cambio climático

Antonte foi un día frío para Ribadeo. Mais, a xente dixo que onte era máis frío, e unha vez consultados os datos meteorolóxicos, está claro que andaba errada. É doado facerse unha idea falsa da temperie que ven en cada momento, de xeito algo semellante a como ás veces, menos datos poden resultar en máis claridade.
En relación ó primeiro, onte, a temperatura en Ribadeo foi superior á de antonte, en varios graos, mentras que había xente que dicía que facía máis frío. O quid está no que se chama sensasión térmica, que depende da temperatura, pero tamén do vento e da humidade, e que fai sentir unha sensación de máis frío por acción do vento. E onte houbo abondo vento.
En canto ó que dicía de menos datos e máis claridade, en Ribadeo o cambio climático está visible en pequenos detalles, como o adiantamento das estacións meteorolóxicas e cousas relacionadas, como a floración ou a saída de follas, que fai ique algunhas árbores sofran stress. Deixo abaixo unha táboa feita coas temperaturas máximas recollidas na Pedro Murias, pero tomando só o número de días en cada ano nos que a temperatura medida nalgún momento superou os 25 graos. A tendencia ascendente é clara, podendo dicir que aumenta de media máis dun día por ano ...
... aínda estando lonxe de ser un número de anos e medidas abondo como para dicir que en Ribadeo estamos sufrindo o quencemento climático.
Por certo, hoxe hai 5 anos que tíñamos sobre nós o 'Klaus'.
Entrada participante en 'el carnaval de la física', coordinado en enero de 2013 por Eureka.

2013/01/18

A temperie ribadense no 2012 (II)

(parte)(3ª parte)
3.Choiva
Continuando coa recollida de datos da estación meteorolóxica da Pedro Murias, atopámonos con que a serie fiable de choiva ten asemade unha lonxitude menor do conxunto total da datos recollidos, abranguendo igual que no caso de temperaturas, dende o 2003. Aínda así, con datos incompletos de 2001 e 2002, ditos anos están incluídos nas gráficas seguintes.
En termos xerais, podemos dicir que as choivas deste ano aínda se apartan do réxime medio, mais é normal que haxa desviacións nunha ou noutra época.
3.1. Choiva media.
A táboa cos datos recollidos é a que aparece á beira (tab1). Nela xuntei o resume de datos referentes a choiva.
Na primeira liña baixo os anos, aparece o total choiva caída 2001-2012 (a ter en conta que os datos de 2001 e 2002, como dixen, son incompletos, co que o total sería maior). Na última ringleira, aparece a media diaria de litros por cada metro cadrado caída ó longo do mes correspondente.
3.2. Choiva media anual.
Represéntase (gráfico 1) o dato do promedio de choiva acumulada para cada día do ano, numerados e con divisións no gráfico que agrupan de xeito aproximado dous meses. Ista representación da media de choiva acumulada ó longo dun ano para un día dado é unha gráfica que sorprende ó facela pola súa limpeza. Vese que a cantidade de choiva caída vaise incrementando lóxicamente, pero distínguense zonas de máis precipitación e zonas de menos. 


Se se divide a gráfica por tramos, pódese observar que ata o día 160 aproximadamente (10 de xuño), o réxime de choivas é prácticamente constante, pouco maior de 2,5 L/m2 e día. De aí ata aproximadamente o comezo astronómico do outono (21 de setembro), é dicir, prácticamente o período de verán, o réxime baixa a súa media, pasando a pouquiño máis de 1 L/m2 e día de xeito uniforme. De aí e ata comezo de decembro (pouco máis de dous meses, o comezo do outono), de novo volve a producirse unha uniformidade de choiva, pero esta vez en maior cantidade, sobrepasando os 4 L/m2 e día. O mes de decembro volta a ter un réxime de choiva semellante ó de comezos de ano.
O gráfico 2 representa un desglose de datos ano por ano, seguindo a táboa, onde se pode observar que no 2006 (1300 L/m2) choveu máis do doble que no 2004 (600 L/m2), e que o ano 2012, a liña máis grosa, é o terceiro máis seco do que levamos de século, sendo tanto o seu inverno como o seu verán as estacións máis secas, rematando ambas sendo o ano máis seco ata dito momento. Unha nota: para comparalo cos outros dous gráficos que represetan a acumulación de choiva, hai que ter en conta que a escala vertical é diferente neste caso, sendo a parte alta 1 400 L/m2 neste caso, fronte a 1 000 L/m2 nos outros dous.
O gráfico 3 (que se corresponde coa liña grosa do gráfico 2), correspondente á choiva que se foi acumulando durante o 2012, pode compararse co gráfico 1, correspondente coa media anual. En dita comparación, obsérvase que as choivas da primavera o inverno e foron medias, por contra das escasas do inverno e o outono.
3.3.Choiva media mensual.
O Gráfico 4 complementa ó anterior, representando a choiva caída cada día do pasado ano. Os picos corresponden na gráfica anterior cos momentos da liña máis inclinada, recollendo cada un dos tres días máis chuviosos uns 30 L/m2
O gráfico 5 corresponden á media de choiva diaria considerada mes a mes durante 2012, podendo poñerse en relación cos gráficos 3 e 4. O Gráfico 6 represetna os mesmos datos que o 5, pero indica á vista de xeito máis doado que a choiva acumúlase nos meses de outono, e que as diferenzas intermensuais son abondo bruscas, correspondendo coas diversas épocas do ano, ó contrario do que pasaba co gráfico semellante de temperaturas, que tiña unha evolución suave.

2013/01/09

A temperie ribadense no 2012

Rematou 2012. Un ano máis, un ano menos, segundo como se mire, sen grandes excesos meteorolóxicos, a diferenza doutros anos anteriores. Cos datos recollidos na Granxa-Escola Pedro Murias, pódese trazar unha semblanza da temperie en Ribadeo o pasado ano
1.Introducción
En Ribadeo contamos coa estación meteorolóxica da Pedro Murias, que D. Luciano Zubillaga mantén en perfecto funcionamento na actualidade. Do pasado, dispóñense de series de datos de diversos períodos, e hoxe, semanalmente, o mesmo Luciano fai un resume dos datos da estación manual para a Comarca.
A estación ten dous conxuntos de instrumentos. Un manual, ó que corresponden os citados datos de diversas épocas, aínda sen analizar. O outro automático, que foi incorporando instrumentos e que no que ten relación con temperaturas, comezou a funcionar no 2001, pero que nos seus comezos non representa un conxunto harmónico por faltarlle abondos datos invernais ata 2003.
Os conxuntos de datos de ambas estacións parecería que son intercambiables, pero por cuestións técnicas só son relativos, o que fai que nun primeiro estudo sexa preferible ter en conta só un deses conxuntos. Por estar accesibles en internet ata a actualidade, elixín o conxunto de datos da estación automática. 2.Temperaturas
A temperatura últimamente soe chamar máis a atención que outras variables meteorolóxicas por cuestión do cambio climático. Mais, facendo referencia case exclusiva á temperatura  dun só ano, non se poden esperar mostras de dito cambio, que implica períodos de tempo moito máis longos.
2.1. Temperaturas medias diversas.
A táboa cos datos recollidos é a seguinte:
Nela xuntei o resume de datos referentes a temperaturas.
En negro, na primeira liña, aparece o promedio de temperatura anual dos anos 2003-2012. En azul, as medias mensuais dende o 2003 ata hoxe mesmo (por exemplo, os 10,2 ºC de xaneiro corresponden á media de temperatura de tódolos xaneiros de 2003 a 2012). E na penúltima liña, a media anual acumulada dende o 2003, que vemos que case non se move, aínda que poñendo os datos con máis decimais ten unha pequena tendencia á suba
2.2. Temperaturas medias anuais.
Represéntase abaixo os datos dos promedios de temperaturas anuais, observando que se ben 2012 foi máis quente que a maioría de anos do século, está lonxe das marcas de 2006 ou 2011, medio grao por baixo. 

En conxunto, a temperatura media anual indica diferenzas de medias anuais de ata 1ºC en Ribadeo, entre o 2010, o ano máis frío, e o 2011, o máis cálido, tendo o ano recén rematado unha temperatura xusto media entre os dos anteditos.
A gráfica anterior é temperatura media anual acumulada, que como é de esperar vai variando cada vez menos, estebilizándose, aínda que cunha pequena tendencia a subir.
2.3.Temperatura media mensual.
A temperatura media mensual ó longo destes últimos anos (2003 en diante) da unha gráfica que é característica, cun máximo en agosto, seguido de preto por xullo, e un mínimo en febreiro, seguido de preto por xaneiro, correspondendo con que as temperaturas diarias máximas se rexistren uns 45 días despois de S. Xoán e as mínimas, uns 45 días despois de Sta. Lucía.

A gráfica típica de temperaturas mensuais pode complementarse con outra que expresa os mesmos datos cunha visualización diferente, na que se presenta a temperatura media como un curioso óvalo simétrico, inclinado debido ó desfase entre as máximas/mínimas e os puntos básicos astronómicos recollidos polo calendario.
É dicir, son os mesmo datos anteriores, expostos nun tipo de gráfica diferente. É claro o desfase de do máximo de temperatura uns 45 días en relación ós eventos astronómicos (por exemplo, o máximo de temperaturas a comezos de agosto, tendo sido o solsticio de verán o 21 de xuño)
-2ª parte- -3ª parte-

2013/01/05

Unha vista astronómica

Foi no Nadal. A imaxe está collida da ESA, e presenta Xúpiter e os seus catro satélites galileanos á vista preto da Lúa case chea ...

O tamaño do diámetro de Xúpiter é dunhas doce veces o da Terra (unhas 48 veces o da Lúa), e a distancia, na foto, uns 600 Mkm, unhas 1 700 veces a distancia á Lúa. Isas relacións fan que a Lúa se vexa abondo máis grande que Xúpiter (unhas 30 veces)
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.